Mostrando entradas con la etiqueta Isaac Díaz Pardo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Isaac Díaz Pardo. Mostrar todas las entradas

Isaac Díaz Pardo



“Atrapados coma estamos entre o aire e a terra non podemos facernos moitas ilusións. Todos os premios e castigos que nos poidan dar non van pasar de aquí. Mais vivir sen un compromiso co futuro me parece enfastiado […]. Para seguir vivindo, aínda que sexa con mentiras, precisamos adobiar os soños”.
Isaac Díaz Pardo

En 1965, baixo o selo da editorial Ruedo ibérico, Luís Seone e Isaac Díaz Pardo, amparados polos pseudónimos Maximino Brocos e Santiago Fernández, publicaron o libro Galicia hoy. Aquela obra pretendía “loitar contra a desmemorización que se impuxera para ocultar o sacrificio dos pobos españois, sobre todo o de Galicia, que nos presentaba ante o mundo como un pobo sometido e pregado voluntariamente aos designios da tiranía” e quería significar que “Galicia non era indiferente ao que había trinta anos viña acontecendo en España e que na nosa historia había raíces de rebeldía e contábamos con santos, heroes e mártires pola liberdade, moitos deles contemporáneos nosos”. Isaac Díaz Pardo explicou con estas palabras os propósitos que animaran a concepción daquela obra cando, algo máis de dúas décadas despois, publicou en Ediciós do Castro un novo libro co mesmo título daquel.

No Galicia hoy de 1987, Díaz Pardo clamaba contra “os baleiros de memoria da nosa historia recente” e advertía de que “o inexistente xuízo global e crítico sobre o mundo que nos deixou a ditadura cunha desmemorización interesada” determinaban a nosa incapacidade para cambiar o presente e construír un futuro mellor, burlando os proxectos dos poderes retardarios, daqueles que “fan negocio á conta de Galicia e os que nos tenden trampas no camiño para trabucarnos e facernos caer en pozos de insolidariedade”. O libro estaba dedicado “aos poetas do meu tempo, aos que padeceron a historia por amar a xustiza, a liberdade e a solidariedade dos homes; aos que tiveron que vivir no exilio polas súas ideas e nos deixaron ese exemplo de lealdade; tamén aos que loitan porque Galicia, e o resto do mundo, sexa mellor e máis xusta” e a reivindicación da súa memoria quedaba mesturada coa vigorosa protesta “contra toda xerarquía, privilexio académico e preeminencia social, contra toda inxustiza e contra todo engano, estupidez e disfrace que teñamos que aturar naqueles que teñen poder”. Na tensión fulxente da memoria e mailo desexo, Isaac Díaz Pardo fraguou a súas obras, as súas empresas e a súa vida, coa descomunal enerxía dun xigante.

Que a súa memoria viva para sempre en nós, que o seu exemplo alente e alimente o noso compromiso co futuro. Que, coma el mesmo escribiu a propósito de Castelao, ninguén tente distraer o significado do seu prestixio, que os manipuladores e falsificadores non traten de agochar o seu exemplo desmitificador de toda solemnidade e o seu amor polas causas xustas do seu pobo. Que así sexa.

Algún día


Regreso a Lugo por uns días e asisto atónita á virulenta belixerancia que gastan aqueles que se opoñen, con cativos argumentos, ó proxecto do monumento ás vítimas do franquismo.

Din que os promotores desta iniciativa empregan un símbolo coa intención de cambiar a historia. Esquecen que ningún símbolo ten esa potencia, porque non pode devolver a vida ós asasinados nin reparar o dano causado ós que padeceron represión, cárcere ou exilio. Un monumento non é máis que un recoñecemento á dignidade que, ademais da vida e da liberdade, se lles quixo furtar ás vítimas. Non atopo razón democrática que poida servir para negar ou escatimar ese recoñecemento.

Din que os defensores deste monumento procuran reescribir a historia. Non entendo que razón democrática pode negarse a reescribir o relato propagandístico que a ditadura franquista fixo da historia, baseado na falsificación e no ocultamento. Por non colaborar a manter certas falsificacións, cómpre engadir que nunca o franquismo dedicou un monumento á memoria das súas vítimas. Nunca e en ningures, tampouco en Lugo. Non podía facelo sen negarse a si mesma. A ditadura foi un proxecto totalitario que esixiu o aniquilamento físico de toda oposición e o aniquilamento da súa memoria. A morte e o esquecemento foi unha política deliberada contra a que a razón democrática só pode loitar afirmando a vida e a memoria.

Din que o odio e o rancor moven ós promotores do monumento. Abonda con ler os termos nos que se expresan os que fan esta acusación para descubrir que é precisamente a súa a prosa que destila odio, rancor e violencia, a que recorre ó insulto como argumento. Abonda con coñecer a traxectoria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo para advertir o seu radical pacifismo, de palabra e obra.

Non podemos borrar a barbarie pretérita, pero si liberar Lugo da actual indignidade. Algún día regresarei á cidade na que se erguerá o monumento ás vítimas do franquismo. Daquela, a marea soñada por un mestre sen ira e que converterá “a memoria das cunetas en pacíficas praias libertarias” estará máis preto.

[Artigo publicado na edición lucense de La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2009]

[Imaxe: Deseño realizado por Isaac Díaz Pardo para o monumento en memoria das vítimas do franquismo en Lugo]

A "Biblioteca del exilio", o rescate duns Robinsóns

Seoane dicíalle a Francisco Fernández del Riego nunha carta datada en maio do 1950 en Bos Aires: “Lonxe de Galicia onde a nosa existencia non conta e a onde non chega o que fagamos, bo ou malo, estamos tendo os que quedamos a sensación da inutilidade de calquera esforzo nesta cidade dedicado a Galicia. Actuamos como Robinsóns, illados en illas afastadas”. Luis Araquistáin escribiu en El pensamiento español contemporáneo, un libro editado por Losada no 1962: “Somos como tristes restos de un naufragio arrojados al margen de la historia”. Seoane e Araquistáin, que quizais só compartían a súa condición de exiliados republicanos, estaban a falar da sensación de illamento que se apoderou dos desterrados e non semella casual que para describir a súa situación ambos os dous recorran a imaxe do náufrago.

Os exiliados do 1939 tiveron que asumir a súa expatriación, que os desherdaba de moito máis cá terra. Tiveron a desesperante sensación de estar abocados a manter unha sorte de monólogo, unha vez decatáronse de que foran desposuídos dos seus interlocutores naturais. Nese sentido, Seoane escribiulle a Maside, a quen envexaba “a sorte inmensa de que a súa obra case enteira quede en Galicia”: “Ahí trabajáis y vuestro trabajo aún en silencio tiene un destino, nosotros si lo hacemos ya no tenemos un pueblo con el que comunicarnos y entendernos y toda la vida del artista y del escritor ha estado destinada siempre a establecer un lenguaje con su pueblo, con la historia y la tradición de su pueblo, con lo que él ama y odia”. Cando no 1964, máis de vinte anos despois da súa primeira edición en México, foi publicada en Primer Acto a traxedia San Juan de Max Aub, este confesou: “Que estos seres vivan todavía es todo lo que puedo pedir. El que aparezcan en las tablas –y en Madrid- sería esperar demasiado, aunque no hice otra cosa desde hace más años de los que tiene esta tragedia”. Max Aub facía gala dunha falta absoluta de inxenuidade e dun realismo que, non obstante, non excluían un chisco de esperanza. San Juan tivo que agardar á noite do 25 de febreiro do 1998 para ser estreada no Teatro Principal de Valencia e chegou ese mesmo ano ó Teatro María Guerrero no Madrid dos soños de Max Aub.

A perda do seu público natural foi necesariamente magoante para aqueles para sublimaron o seu exilio a través dun traballo infatigable, na continuación do proxecto de vida e de obra concibido antes da súa expatriación. De novo o testemuño de Seoane ilustra cabalmente o seu destino, persoal e xeracional: “O destino dunha parte da nosa xeración é o ir e volver sen atopar acomodo espiritual en parte ningunha. Para min penso que o xeito de atopalo reside no propio traballo utilizándoo como un narcótico”. O traballo converteuse nunha droga para soportar a dor e na expresión da súa resistencia a darse por vencidos. Porque o exilio non era unha derrota, non foi vivido como tal, senón como unha nova batalla. A verdadeira derrota, o fracaso da súa biografía, viña representado polo temor de que o seu labor se perdera, que non revertera no país que os expulsou, que este non asumira o seu legado como propio. Seoane, nun momento no que se sente ignorado, expresou unha sospeita: “Pode ser que nós esteamos no Index e non formemos parte da historia de Galicia”.

Pois ben, na tarde do martes pasado tivo lugar na Casa de América en Madrid a presentación dun proxecto editorial xa en marcha: a “Biblioteca del exilio”. A colección naceu da colaboración da galega Ediciós do Castro e da sevillana Editorial Renacimiento para rescatar a obra daqueles Robinsóns que foron os exiliados republicanos do 1939, recluídos na marxe da historia, cando non absolutamente expulsados dela. O acto celebraba que, baixo aquel cuño, xa saíron do prelo cincuenta títulos e participaba ós asistentes de que nos planos está a chegar ó cento de obras publicadas. Estiveron presentes todos os membros do comité editorial: Isaac Díaz Pardo, José Esteban, Abelardo Linares, Charo Portela e Manuel Aznar Soler. Este último encargouse de relatar que foi en Collioure o 18 de decembro do 1999, na sesión de clausura do Congreso Internacional do Exilio celebrado entre marzo e decembro daquel ano en doce comunidades autónomas, onde a máis de renderlle homenaxe a Antonio Machado, se anunciou unha nova utopía para o século XXI: a creación dunha Biblioteca del exilio, integrada por edicións de absoluto rigor filolóxico, acompañadas de estudos críticos, e en todas as linguas da nosa República literaria. Daquela Manuel Vázquez Montalbán afirmou que as utopías son un catálogo de necesidades insatisfeitas. O martes Aznar Soler non agochou a satisfacción pola utopía feita realidade, polo camiño percorrido para satisfacer a necesidade dunha inmensa minoría.

É imposible escoller unhas poucas obras para dar conta da riqueza do catálogo editorial sen sentir que coas omisións se está mutilando un valioso conxunto. Este foi inaugurado con obras de Juan Rejano, Juan Chabás e Lorenzo Varela, presta atención a todos os xéneros literarios e inclúe obras nunca reeditadas despois das súas primeiras edicións no exilio ou mesmo textos inéditos, como a recente publicación de Cuentos de Madrid, escrito no seu exilio soviético por César M. Arconada. Así, é preferible adiantar as inmediatas novidades editoriais, as promesas feitas pola Biblioteca del exilio. Están en preparación libros de Díez Canedo, Jiménez de Asúa e unha obra de Pedro Salinas, El valor de la vida, non recollida nas súas obras completas. Ademais, o Grup d’Estudis de l’Exili Literari (Gexel) da Universitat Autònoma de Barcelona está rematando un dicionario biobibliográfico do exilio que verá a luz no 2009. Daquela xa teremos unha actualización dos míticos seis volumes de El exilio español do 1939 que dirixiu José Luis Abellán e que editou Taurus entre 1976 e 1977.

O acto da Casa de América foi dunha modestia e sobriedade que contrastaban estrepitosamente coa monumental tarefa de manter a única colección dedicada exclusivamente ó exilio do 1939 que están asumindo Renacimiento e do Castro, esta última avalada xa polo fondo editorial máis importante do mundo hispánico sobre a guerra civil e o exilio.

Os exiliados republicanos xuráronlle fidelidade ó pasado e nel cimentaron o compromiso de futuro co seu país. Seoane, referíndose á súa propia obra, dixo que “toda ela está feita de lembranzas, pensada con paixón na terra, cos desexos afervoados de volver algún día pra atopar nela a miña xustificación definitiva”. Evitar que se lle escatime esa xustificación definitiva ó exilio, case setenta anos despois do seu inicio, é o obxectivo fundacional e a filosofía inspiradora da Biblioteca del exilio. Manuel Aznar Soler puxo especial énfase en salientar que ese labor non é unha débeda que se salda co exilio, senón con nós mesmos; que non é un favor que se lles fai ós desterrados, senón un servizo que nos prestamos como sociedade. Coido que as palabras de Aznar Soler e o traballo sistemático, rigoroso e calado da Biblioteca del exilio son unha contundente resposta ás paroladas baleiras sobre a recuperación da memoria histórica, ós espurios intereses políticos e electorais en xogo arredor desta cuestión e a unha lei raquítica e apoucada.

Lecer, Galicia Hoxe, 24 de febreiro de 2008.