O exiliado da rúa Vaugirard (III)


3. COA REPÚBLICA E CON NEGRÍN.

Dende o seu regreso a París, Santiago Casares Quiroga vivirá practicamente enclaustrado nun apartamento do número 148 da rúa Vaugirard, forzado pola tuberculose crónica que padecía. Malia continuar afastado da política, é posible rastrexar a súa opinión verbo dalgúns dos debates que ocuparon aos exiliados cando, trala diáspora e a súas vicisitudes, despois do desconcerto dos primeiros momentos fóra de España, comezaron a reorganizarse politicamente e a definir estratexias de futuro.

Esa tarefa emprendeuse co firme convencemento de que a liquidación da ditadura franquista dependía do resultado da Guerra Mundial, de que o triunfo dos aliados impediría a subsistenza dun réxime identificado ideoloxicamente coas derrotadas potencias do Eixo. Con esa perspectiva e especialmente dende a liberación de Francia que prometía o inminente remate da guerra, redobrouse a actividade política dos desterrados. Entre os movementos concibidos para contribuír á restauración democrática en España contouse o restablecemento das institucións republicanas no exilio.

En efecto, o 17 de agosto de 1945, Diego Martínez Barrio asumía no transcurso dunha sesión das Cortes en México a Presidencia da República que ficaba vacante. Ese mesmo día, Negrín presentoulle a súa dimisión como xefe do goberno. Cumpría dese xeito cun formulismo habitual ao producirse un cambio na xefatura do Estado e facíao declarando a súa vontade de axudar a “resolver por vía constitucional la crisis política latente” . A crise á que aludía Negrín, cun sobreentendido que calquera sabía descifrar, era a que resultaba do enfrontamento entre os que defendían e os que discutían o que el representaba: a legalidade republicana, en tanto que último presidente do goberno da República, e unha política que integraba aos comunistas. Indalecio Prieto lideraba un amplo sector que consideraba unha perda de tempo e enerxía teimar na ficción de rehabilitar as institucións republicanas no exilio e, por outra banda, desaconsellable calquera proximidade ao Partido Comunista, na medida en que podería espertar suspicacias nos aliados e frustrar a tan desexada intervención no caso español.

O cisma vivíase no mesmo seo do PSOE, pero loxicamente do debate participou todo o exilio. E se as posicións non estaban claras dabondo, a dimisión de Negrín ía permitir medir as forzas dunha e doutra opción. Martínez Barrio abriu unha rolda de consultas na que requiriu a opinión dos distintos grupos parlamentarios e de diversas personalidades políticas, entre elas, a de Casares Quiroga . Non viaxara a México, pero remitiu un telegrama o 22 de agosto de 1945 , no que despexaba calquera dúbida sobre a súa posición. Aconsellaba a ratificación de Juan Negrín como presidente do consello de ministros que, segundo o entendía el, debería abranguer a representantes de tódolos sectores políticos e sindicais que combateron na defensa da República. Non cumpría ser máis explícito; Casares manifestábase en contra de segregar ao Partido Comunista das institucións. Asemade, enumeraba os obxectivos que tiña que asumir o novo goberno: preparar un plano para a restauración do réxime republicano en España, xestionar ante as Nacións Unidas o recoñecemento da legalidade republicana, deseñar un programa de reconstrucción nacional encamiñado a reparar a desfeita da guerra civil, acometer a depuración de todos os cadros do Estado e preparar a convocatoria de eleccións en canto as circunstancias o permitiran. En resume, Casares Quiroga prestaba o seu respaldo persoal a Negrín e tamén á súa política, avogando polo mesmo programa que este lle fixo chegar a Martínez Barrio . Pero a mensaxe do coruñés aínda incluía un punto máis: reclamaba a aprobación definitiva polas Cortes do Estatuto de Galicia, referendado o 28 de xuño de 1936 e que cobrara estado parlamentario na sesión celebrada en Montserrat o primeiro de xaneiro de 1938 . Tal era a petición do político acusado –así o fixo Castelao nas páxinas de Sempre en Galiza– de traizoar o pacto de Lestrove dende ben cedo, de empecer durante a II República a concesión dun estatuto de autonomía para Galicia. Casares despedíase desexando a Martínez Barrio o “éxito completo [de la] misión histórica [que le ha sido] conferida”.

As expectativas de Negrín, que confiaba en ser ratificado como presidente do goberno republicano no exilio, víronse frustradas. Quedaba de manifesto a derrota da facción negrinista, en realidade consumada na primeira metade da década dos coarenta . Martínez Barrio encomendou a José Giral, de Izquierda Republicana, a tarefa de presidir o consello de ministros, do que foron excluídos os comunistas nun primeiro momento. Foi na ampliación do goberno anunciada o 23 de marzo de 1946 cando estes obtiveron unha representación ministerial na persoa de Santiago Carrillo, ao mesmo tempo que o fixeron o Partido Galeguista e a dereita republicana a través de Castelao e Rafael Sánchez Guerra. Giral trataba así de ampliar a base política que alicerzaba o seu goberno.

Á mesma estratexia respondía a rehabilitación dun organismo creado nos días da II República e axiña caído en desuso: a Junta Permanente de Estado . Un decreto do 26 de marzo modificaba a súa composición –que orixinariamente daba cabida aos antigos e actuais presidentes da República e do goberno, ao presidente das Cortes e ao ministro de Estado– para acoller a José Antonio Aguirre e Josep Irla, presidentes de Euskadi e Cataluña, respectivamente. Ademais, a operación tentaba, segundo Harmut Heine, “integrar, de un modo bastante elegante, a Negrín en la órbita del gobierno exiliado, obligándole así a que desistiera de atacarlo desde fuera”. A medida non tivo os efectos desexados. A constitución formal da Junta Permanente de Estado, celebrada na data simbólica do 14 de abril, contou coa asistenza de Martínez Barrio, Giral e Aguirre, e maila adhesión de Irla e Portela Valladares. Pero Negrín declinou a invitación; aduciu que “prescindiendo de otras razones, de orden político, sobre oportunidad y procedencia, tal junta, en su composición y funciones que se le atribuyen, es contraria al espíritu y letra de nuestra Constitución”. Tamén escusou o seu concurso Casares Quiroga, quen fora convocado na súa calidade de ex presidente do goberno republicano. Así o comunicaba a través dunha carta datada o 12 de abril:

"Tengo el gusto de acusar a V. recibo de su carta fecha 6 del corriente convocándome para la reunión que habrá de celebrarse el próximo día 14 con objeto de constituir la Junta Permanente de Estado á que dicha carta se refiere.
Decido -por razones que expondría ante el Excmo. Señor Presidente de la República si él deseara conocerlas- a no colaborar ni en la constitución ni en el funcionamiento del citado organismo, lamento tener que declinar la invitación que se me hace y abstenerme de asistir a la reunión aludida".


Non hai constancia dunha entrevista entre Martínez Barrio e Casares Quiroga para tratar este asunto, pero si da insistencia procedente da avenida Foch, sede das institucións republicanas en París, en sumar os apoios de Negrín e Casares para a Junta Permanente de Estado. Ambos foron convidados á segunda reunión deste organismo, celebrada o 18 de outubro, e ambos reafirmáronse na súa decisión. Negrín volvía argumentar que a reorganización do organismo era inconstitucional. Casares, en conversa telefónica co secretario Bernardo Giner de los Ríos, “insistiendo en los términos de su carta, fecha 12 de abril, anuncia que no concurrirá a la Junta”. Unha vez máis, as posicións de ambos políticos concordaban. Ao marxe dos motivos formalmente esgrimidos por Negrín e as razóns que puidera ofrecer Casares, a súa actitude demostraba unha clara indisposición a formar parte dunha entidade sen outras funcións que as puramente consultivas, a aparecer vinculados a unhas institucións das que foran marxinados e que, en realidade, só querían exhibir os seus nomes sen asumir a política que defendían.

A ampliación do goberno e a recuperación da Junta Permanente de Estado pretendía ofrecer unha imaxe de perfecta concentración republicana e era a resposta a unha recente declaración conxunta de Washington, Londres e París sobre o futuro de España que, malia reprobar a ditadura franquista, ignoraba por completo na súa redacción ás institucións republicanas no exilio. Aquel era un balde de auga fría para Giral, quen se fixara como obxectivo prioritario acadar o recoñecemento internacional da legalidade republicana. As novas xestións diplomáticas tampouco ían conseguir avances significativos nos seguintes meses e, ao cabo, o PSOE provocou a crise do que fora coñecido como o “goberno da esperanza”. O partido controlado por Indalecio Prieto era o grupo con maior representación parlamentaria e, xa que logo, sostén necesario do goberno. Coa dimisión dos ministros socialistas Trifón Gómez e Enrique de Francisco forzábase a de Giral. A crise ministerial era só un síntoma da controversia suscitada pola posición de Prieto. A alternativa que este propuña baseábase, fundamentalmente, na defensa de acordos con sectores monárquicos para derrubar a ditadura de Franco co apoio de Estados Unidos e o Reino Unido. Ningún dos consultados por Martínez Barrio en xaneiro de 1947 ignoraba que a cuestión a debate era se cumpría arriar a bandeira do 14 de abril e antepor a restauración democrática en España ao signo institucional desta.

O criterio de Casares Quiroga foi solicitado unha vez máis. Segundo informou La Nouvelle Espagne, a enfermidade do coruñés impedíalle manter una entrevista persoal co presidente da República . Non obstante, fíxolle chegar unha carta, datada o 29 de xaneiro, na que manifestaba a súa adhesión inquebrantable ás institucións republicanas no exilio. A contundencia coa que se expresaba é un indicio de ata que punto lle resultaba magoante o posibilismo prietista:

"La crisis que se está tramitando presenta caracteres tan insólitos como graves. Provocada por la actitud de determinados sectores que, saliéndose del marco estrictamente republicano, parecen no sentirse ya obligados a defender las Instituciones de la República, esta crisis afecta nada menos que a la vigencia de esas Instituciones y se convierte así en una crisis del régimen que todos parecíamos comprometidos a sostener.
Evidentemente esas características pueden influir de manera decisiva tanto en la constitución del futuro Gobierno como en la política que él haya de desarrollar, y ello obliga a cuantos hemos de evacuar la consulta formulada por Vd. a fijar una posición neta ante la cuestión que así se plantea. Para mí, como supongo para todos los afiliados a partidos específicamente republicanos, la posición no puede ser otra que la de una defensa decidida de la vigencia de las Instituciones de la República y su mantenimiento tenaz hasta que llegue el momento de reintegrarlas al pueblo español que les dio vida.
Partiendo de ese principio debo aconsejar la formación de un Gobierno constituido por representantes de todos los sectores, sin excepción, de probado republicanismo, y que estén dispuestos a sostener las Instituciones de la República en toda su integridad y pureza, y a llevar a cabo una labor intransigentemente republicana.
La política de ese Gobierno deberá polarizarse en dos puntos: las relaciones internacionales y la organización de la resistencia en el interior de nuestro país.
En cuanto a la política exterior, el Gobierno debe fortalecer los lazos ya establecidos con los países que han reconocido la legalidad republicana española y realizar una labor intensa y tenaz para llevar al ánimo de todos los Gobiernos de las naciones democráticas el convencimiento de que la restauración de la República en España es la única garantía de orden en el interior de nuestro país y de seguridad y cordialidad de relaciones internacionales, y procurando así el reconocimiento de las Instituciones Republicanas por parte de los Gobiernos que todavía no han tomado esa decisión.
En lo que afecta a la política interior, el Gobierno deberá tomar en mano, con decisión y urgencia, la organización de la resistencia en España, vigorizándola, dándole los medios necesarios para continuar y acrecentar la lucha entablada contra los que allí detentan el poder.
Para que esa política pueda desarrollarse con toda la eficacia posible sería deseable que la Presidencia del Gobierno recayese en una personalidad que, cualquiera que sea el partido a que pertenezca, ofrezca por su historia, por su actuación pasada y presente, por su prestigio y reconocida competencia en el ejercicio de las funciones de gobierno, una garantía de lealtad para dar cohesión a una coalición de fuerzas que, por su misma composición, podría quedar reducida a un simple conglomerado político si una dirección firme no la mantiene en el marco de la estrecha solidaridad indispensable para llevar a cabo la empresa propuesta".

Aínda que Casares non mencionaba expresamente a Negrín, non cabe dúbida que está suxerindo o seu nome. As calidades que lle atribuía ao socialista eran recoñecidas por Martínez Barrio e, de feito, o presidente da República estaba pensando en confiarlle ao doutor Negrín a formación do novo goberno . Pero, vixente o veto de Prieto contra o seu compañeiro, o cargo vacante foi confiado finalmente ao socialista Rodolfo Llopis, ata a véspera significado anticomunista . A sorpresa foi maiúscula cando este mantivo no consello de ministros unha representación do PCE. Aínda que cabía entender que o novo goberno asumía na práctica a política de unidade antifascista de Negrín, isto xa non era dabondo cando semellaba que se estaba a preparar a claudicación republicana. Así o denunciaba a declaración feita pública por un grupo de socialistas pertencentes á facción negrinista do PSOE e políticos republicanos afíns a ela. A sinatura de Casares Quiroga figuraba ao pé daquel manifesto:

"El nuevo presidente del Consejo de ministros pertenece al grupo político que, por boca del más autorizado de sus representantes, ha declarado que las instituciones del régimen eran un instrumento accidental y transitorio, subordinado a los contingentes internos o exteriores y ha proclamado recientemente que esas instituciones son un estorbo, un barco desmantelado que no sólo hay que abandonar, sino mandarlo a pique lo más pronto posible. La consecuencia de esta posición ha sido la declaración política formulada por el jefe del gobierno [...]. Según esta declaración [...], el restablecimiento de la República está subordinado a la expresión definitiva en la urna de la voluntad popular (frase equívoca que admite igualmente el plebiscito que las elecciones normales). Después de esto, ¿quién puede esperar que ese gobierno obtenga los apoyos necesarios si él mismo prevé su fracaso y comienza por dudar de su eficacia e incluso de su existencia? Otro resultado de tales tácticas vacilantes es el impulso que se le ha dado en estos últimos días a las tentativas monárquicas que, después de haber parecido aniquiladas por el peso de su evidente anacronismo, parecen tomar vigor al contacto de las posiciones equívocas que han aparecido en el campo mismo de la República. Nosotros, republicanos, que no hemos sentido jamás en nuestra alma la flaqueza ni la vacilación, ni alojado en nuestro pensamiento a la duda, hacemos un llamamiento a todos los que tienen el firme deseo de defender la República, [...] nuestra República, edificada por nuestro pueblo y defendida con su sangre. Con los que tienen la misma fe realizaremos esta tarea, creando un movimiento que, con el nombre de ‘España Combatiente’, perseguirá un objetivo histórico y realizará este sencillo programa: devolver al pueblo español la República".

Casares subscribía este texto fundacional de España Combatiente, organización creada por iniciativa de Álvarez del Vayo en febreiro de 1947 e que aglutinaba aos negrinistas socialistas, republicanos e libertarios . Entre os seus obxectivos, constaba a “prosecución por todos los medios posibles de la política de resistencia al fascismo característica de la guerra española” en colaboración cos núcleos clandestinos no interior. Era esta unha táctica que concordaba coa defendida polo PCE e que xa asumía Casares Quiroga na súa carta do 29 de xaneiro. España Combatiente foi unha entidade que non adquiriu demasiada relevancia e, por outra parte, o apoio que lle prestou Casares, membro do seu consello provisional, só foi nominal e de seguro non moi distinto ao que tiña emprestado ao Bloque Repubricán Nazonal Galego (BRNG), fundado en Toulouse a finais de decembro de 1945 .

O consello de dirección do Bloque, baixo a presidencia de Manuel Portela Valladares, reunía ademais de a Santiago Casares Quiroga, a outros dous membros de Izquierda Republicana: Manuel Martínez Risco e Antonio Núñez; a José García López e César Alvajar, de Unión Republicana; aos comunistas Enrique Líster e José A. Paz; a Luis Vázquez Rodríguez e Luis Vidal, membros da facción negrinista do PSOE e da UGT, e Xoán Xosé Plá, afiliado ao Partido Galeguista ata xaneiro de 1947. Que dous ex presidentes de gobernos republicanos fixeran parte do Bloque outorgoulle certa atención e prestixio, mentres que en Castelao espertou serios receos. Este vía unha ameaza para o galeguismo, cuxa identidade e discurso quedaban diluídos nun grupo que, pola súa composición e actuación, se situaba claramente na órbita do Partido Comunista. E, sobre todo, temía que erosionara a autoridade do Consello de Galiza creado en Bos Aires e que el mesmo presidía. Na medida na que o Bloque se presentaba como plataforma unitaria de todos os movementos galegos de resistencia ao franquismo e avogaba pola creación dun órgano que en todos os documentos se insistía en denominar “Consejo General de Galicia”, a entidade declarábase en competencia aberta co Consello de Galiza, disputándolle a representatividade da que este desexaba verse investido. Castelao tentou desacreditar ao Bloque ante Diego Martínez Barrio lembrándolle que este non se adherira ao goberno Giral e desmentindo a adscrición de Portela Valladares. Tamén dubidaba da participación doutros membros: “No creo que Casares y Risco estén incorporados a ese nacionalismo gallego... y si lo están peor para ellos”. Castelao cría que o Bloque captara a Casares unicamente en calidade de “abaixo-firmante” , que a súa implicación no proxecto non tiña maior transcendencia. En efecto, así o corroboraría o que dicía por aquelas datas Xoán Xosé Pla, quen catalogaba a Casares como un dos conselleiros da entidade do “género despreocupado”.

Os episodios enumerados até aquí revelan a fidelidade de Casares Quiroga a Negrín e a súa política. Os anos compartidos en Londres contribuíran a fraguar unha sólida amizade. Aos dous políticos uniunos algo máis que a súa afección á bibliofilia e as visitas á British Library. Foran actores principais nos anos da República e da guerra e arestora atopábanse illados, cando non aldraxados, polos seus mesmos compañeiros no exilio republicano. Non obstante, a súa non foi só a historia da solidariedade persoal entre dous derrotados. Para Casares Quiroga, a República condensaba todo aquilo ao que non podía deixar de ser fiel sen traizoarse a si mesmo: as ideas e o proxecto político que impulsaran a súa vida. E tal lealdade traduciuse nun inequívoco apoio a Negrín quen, como presidente do último goberno republicano en España, representaba a legalidade que a ditadura franquista liquidou. Na súa opinión, o socialista, pola súa traxectoria, era ao que lle correspondía manter o patrimonio simbólico da República, pero tamén, dadas as súas calidades, o máis capacitado para defendelo activa e eficazmente ante as potencias occidentais de cuxa actitude se facía depender o futuro democrático de España.

Fotografía: Juan Negrín, ante a Sociedade de Nacións (Xenebra, 1937).


0 comentarios: