No calendario da dor, 17 de agosto


-Asi aprenderán a non ter ideas
Castelao

“Liberteime da morte a agora ando, coa vida a costas, por camiños que endexamáis coidei percorrer. Vai comigo a Santa Compaña dos mártires galegos”. Estas frases foron escritas por Castelao “â luz dunha fiestra ensombrecida por un rañaceos” da cidade de Nova York nos primeiros días do ano 1940. No inicio do seu exilio, Castelao amosaba, unha vez máis, a súa capacidade para pór palabras aos sentimentos e ideas colectivas: neste caso, aos de todos aqueles que se viron obrigados a abandonar Galicia trala guerra civil pola súa adhesión á legalidade republicana de 1931. Os desterrados galegos de 1939 emprenden o camiño -os camiños, como moi xustamente apuntaba Castelao- do exilio coa acusada conciencia de terse salvado da violencia exercida polos sublevados durante a guerra civil e que outros non puideron esquivar. Luís Seoane escribiu en 1969: “[...] vivimos con los muertos. Sí, es verdad, aparte algún familiar, por entonces cayeron algunos de mis amigos más queridos y siempre están conmigo”. A lembranza dos represaliados, daquela Santa Compaña dos mártires galegos, é o perenne recordatorio de que a ditadura franquista aspiraba a exterminar, física e ideoloxicamente, aos seus inimigos, o primeiro paso na súa estratexia para liquidar a súa memoria. Nese sentido, o episodio tantas veces contado de que o franquismo ordenou destruír a partida de nacemento de Santiago Casares Quiroga pódese considerar representativo dunha política de negación da historia comparable á expresada naquel decreto de Fernando VII que en 1823, ao reinstaurar o absolutismo, declaraba o labor lexislativo das Cortes de Cádiz, a Constitución e os decretos aprobados, “nulos y de ningún valor ni efecto, como si no hubiesen pasado jamás tales actos y se quitasen del medio del tiempo”. 

A memoria das vítimas da guerra civil non podía deixar de acompañar aos que se viron obrigados a abandonar a terra. Elas lembráballes que o seu desterro, lonxe de ser voluntario, era o único camiño que permitía evitar o cárcere e a represión, salvar a vida. “¡Ai se te pillan a ti, despois de buscarche como che buscaron!”, escribiulle Xerardo Álvarez Gallego en xaneiro de 1937 a Castelao. Polo tanto, gardar a memoria dos asasinados e perseguidos era gardar o recordo dos motivos do propio exilio; era, asemade, un exercicio de resistencia fronte ás pretensións aniquiladoras da ditadura; en definitiva, un xesto de lealdade coas vítimas, entre os que se contaban familiares, amigos e irmáns nas ideas. Nin rastro de van retórica hai nas alusións que o exilio dedica aos represaliados e asasinados. Antón Alonso Ríos –el mesmo “fuxido pol-os montes e perseguido de morte” durante a guerra civil, nunha peripecia que relatou en O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte– abre, de xeito ben significativo, o seu libro C-o pensamento na patria galega, editado en Bos Aires en 1942, cunha lembranza das vítimas, case unha ladaíña: 

"Que as miñas primeiras verbas, despóis d-un longo silenzo, d-un longo falar calado –soliloquio da concencia–, vaian camiño das vosas foxas. Descansade. Que ôs vôsos corpos envôltos na caricia da Terra, hoxe escrava, chegue o meu alento coma un latexo, fondo, moi fondo, da nova vida que xermola aguiloada pol-o voso exempro, fecundada pol-o voso sangue. Descansade. Que âs vosas almas sereas, que a inxustiza non inqueda, que a calunia non fire, chegue a promesa afervoada que, de xionllos, formula a miña ialma: GALIZA SERÁ CEIBE. Descansade".

Á memoria de Alexandre Bóveda dedicou Castelao Sempre en Galiza e precisamente a data do asasinato de Bóveda, o 17 de agosto, foi a escollida como Día dos Mártires Galegos que, cada ano, conmemoraban os galegos da emigración e do exilio. Pasou a formar parte dun calendario político –“un calendario da dor”, segundo Lorenzo Varela– que tiña no 14 de abril, o 25 de xullo ou no aniversario do plebiscito do Estatuto galego sinaladas datas, todas asociadas á lembranza de Bóveda, pero tamén de Ánxel Casal, Xohán Carballeira, Blanco Torres, Víctor Casas, Xaime Quintanilla ou Martínez Garrido, entre outros, que representaban a todos os que pagaron coa vida o seu compromiso político con Galicia e a República. 

"N-íl –dicía en setembro de 1948 A Nosa Terra, referíndose a Alexandre Bóveda- fican simbolizados os milleiros e milleiros de mártires da galeguidade, os milleiros e milleiros de galegos, pertenecentes a tudol-os partidos republicáns, que deron as suas sagras vidas pol-a República e pol-a Libertade". 

Os actos que conmemoraban a paixón e morte das vítimas do 36 e as declaracións de lealdade coa súa memoria non foron formulismos retóricos nin exercicios dos primeiros anos do exilio que se foran esvaecendo co paso do tempo. Ademais, xunto coas declaracións públicas, máis ou menos grandilocuentes, subsistiu na intimidade do día a día unha dor por veces reavivada. En 1967 Emilio González López, exiliado nos Estados Unidos, ten casualmente noticia da morte do coruñés Juan González del Valle nun campo de concentración nazi durante a II Guerra Mundial e trasládalla a outro exiliado, o escritor Max Aub, quen respondeu dende México: 

"No sabes el gusto que me da recibir tu carta y la tristeza de saber que murió Juanito, aunque auténticamente, ya está hecho polvo. Pero no importa. Quedan los recuerdos, y duelen".

As vicisitudes da guerra e da diáspora tamén tiveron ese efecto: o de obrigar aos exiliados a enfrontarse a un sufrimento involuntaria e estrañamente diferido. 

Unha das claves do significado e valor que a memoria das vítimas da guerra civil tivo para os exiliados queda sintetizada nestas palabras de Castelao sobre o fusilamento de Bóveda: “N-íl víase o futuro da Galiza; por iso o asesiñaron inicuamente”. Manter a memoria era un compromiso co pasado, certo, pero, sobre todo, un compromiso co futuro que a guerra e a ditadura tentou escachar. Os exiliados quixeron cumprir o mandato dos mortos, dos “mártires da espranza” que forman un coro no poema “Cantiga nova que se chama martirio” de Lorenzo Varela para encomendar unha misión: 

"¡Xuntádevos, galegos, 
xuntádevos, hirmáns! 
¡Erguédevos! ¡Erguédevos 
é libertade o chán! 
Facede de Galicia 
un eido pra morar. 
Facede de Galicia 
unha frol xunto ao mar, 
acarón das ribeiras enmeigadas, 
pra darlle arume ao mundo, 
á Libertade, á Paz". 

Aos que invitaban aos exiliados a esquecer, Luís Seoane contestoulles dende as páxinas de Galicia emigrante, en maio de 1957: “Olvidad, también dicen. Pero si olvidamos, ¿qué queda de nosotros y que queda en nosotros de la misma Galicia?”. O exilio foi, antes que nada, memoria. Sabíano ben os servicios de propaganda do franquismo que primeiro se afanaron en presentar aos exiliados como bandidos, delincuentes, ladróns e inimigos da patria, furtándolles calquera dignidade. Co paso do tempo, pretendeuse negar a existencia desa España exiliada, que, coa súa subsistencia, era unha constante acusación contra a ditadura e, ao mesmo tempo, encarnaba un proxecto político de futuro afastado a anos luz do réxime franquista. A memoria fixo imposible o regreso para algúns que, co paso do tempo, tiveron algunha posibilidade de volver. Nese sentido, Amparo Alvajar, nunha carta remitida dende Xenebra a Rafael Dieste e Carmen Muñoz escribía: 

"Resolverme ir alá é moi difícil. Ademais, sigo lembrando entrañabelmente a amigos mortos nas condicións daquela famosa época, e non os podo esquecer, nin podo esquecer o que fixeron con eles. É moi difícil". 

Estas liñas foron escritas en 1970. 

0 comentarios: