O cinceiro de Gamallo Fierros


Para Claudio Rodríguez Fer, quen me falou dun artigo titulado “¿Robó mi abuelo la calavera de Goya?” unha tarde lucense. E para María Concejo, quen me regalou aquel artigo de Gamallo Fierros unha tarde madrileña.


Hamlet, agarrado á caveira de Yorick, filosofaba sobre a vida e a morte no seu celebérrimo monólogo. Dionisio Gamallo Fierros, que non foi un príncipe danés, senón un señor de Ribadeo, termando do parietal dereito do cranio de Goya, preguntouse: roubou ou non roubou meu avó a caveira do pintor? That is the question do artigo que publicou no xornal madrileño El Español o 20 de febreiro de 1943. Por se cabe algunha dúbida sobre a falta de sentido tráxico do escrito, cómpre lembrar que empregou o fragmento da osamenta goyesca como cinceiro mentres fumaba e escribía.

A caveira de Goya sabíase perdida dende 1888, cando o corpo do pintor, que logo ía ser trasfegado para arriba e para abaixo en tantas ocasións, foi exhumado por vez primeira. A noticia sorprendeu aos que esqueceron que o cemiterio de Bordeos tiña por linde a rúa Coupe Gorge (vale dicir, “cortagorxa”) e aos perfectos escépticos que non cren neste tipo de agoiros. Por outra parte, o avó materno de Gamallo, Dionisio Fierros, pintou en 1849 un retrato que dicía ser da caveira de Goya. Estes son os dous datos dos que partía aquel artigo; todo o demais, xa se dixo, aparece envolto no fume da imaxinación nicotínica de Gamallo Fierros, axudada, iso si, por unha prodixiosa capacidade dedutiva que descoñece que cousiña cousa é a sofística.

Gamallo descríbese cotexando o retrato cranial debido ao seu avó con outro que lle fixo Vicente López cando Goya vivía e, xa que logo, inda conservaba a testa no sitio anatomicamente debido: “Fingí mentalmente un proceso gradual de descarnamiento de la cabeza, que me llevase, por sucesivas restas y progresivas transformaciones, al retrato del cráneo. La prueba fue plenamente satisfactoria”. O método científico aplicado non semella infalible e, de feito, Gamallo Fierros admitía que podía resultar inxenuo e rudimentario, pero pénsese que era o único dispoñible nun tempo anterior aos aparellos informáticos que permiten reconstruír a faciana que tivo Nefertiti a partir da súa momia e tamén, aínda que menos ensaiado por razóns evidentes, proxectar a momia na que nos converteremos partindo da nosa cara actual. Pois ben, o resultado do experimento practicado por Gamallo era satisfactorio e a conclusión indubidable: o seu avó tivo que dispor necesariamente como modelo do único e xenuíno cranio, porque tal verismo resultaba imposible que fora concibido polo seu maxín, por moi romántico que este fora, que o era. Por se a viravolta non impresionaba aos espectadores, Gamallo Fierros daba unha máis: descartada por razóns estéticas e éticas que Goya fora enterrado descabezado, tese corroborada por algún testemuño que apuntaba que o pintor levaba posta para o descanso eterno unha pucha que sería un aditamento absurdo sen cabeza para calzala, a caveira tivo que ser roubada post mortem et post sepulcrum e o autor do ladroízo non puido ser outro que o seu avó. El tería participado nun “triunvirato pictóricomédicoaristocrático”, no que as outras dúas terceiras partes deberon ser un médico, non identificado, pero de certo afeccionado á frenoloxía e interesado en estudar o secreto da xenialidade de Goya a través da caixa cranial na que residiu, e tamén Joaquín Magallón, fillo do marqués de San Adrián que fora, ademais de amigo de Goya, mecenas de Dionisio Fierros.

O caso é que Dionisio Fierros pintou a reliquia cranial para os San Adrián e, tan importante ou máis, reservouse a súa posesión. Porque de quen senón de Goya ía ser a caveira que gardaba na súa casa e que, cando morreu, a súa viúva levou consigo a Ribadeo, terras que, así o lembrou Gamallo aproveitando que por alí pasa o Eo e mesmo desemboca, non eran estrañas para o casco porque cando o levaban os ombros de Goya por elas andou na compaña do marqués de Sargadelos. A reverencia romántica profesada por Dionisio Fierros á reliquia non foi herdada polo seu fillo Nicolás. Ou iso ou ignoraba a quen pertencera, porque doutro xeito non se explica que botara man dela para as súas clases de anatomía cando estudaba medicina en Salamanca. Aínda peor, procedeu ao que o eufemismo médico chama efracción, é dicir, rebentouna: aquí o esfenoides, alí o occipital, acolá o mastoides. Así que a caveira de Goya foi escachada, pero no moi sagrado nome de Esculapio. O estudante, solidario cos seus compañeiros, atendeu os seus rogos: “Fierros, préstame un parietal; necesito estudiarlo para mañana”, “Nicolás, me llevo el frontal: ya te lo devolveré”. Rendido ante a contundencia das evidencias históricas carretadas, Gamallo fai a súa “sarcástica proclamación”: “El cráneo de Goya se ha aventado en el ciclón de una hueste estudiantil” e os cachos “si no estuvieron en los Montes de Piedad, fue porque no eran susceptibles de empeño”.

O artigo de Gamallo non finaliza chegado a este punto, porque aínda lle quedaba pendente o magnífico relato da excursión ao faiado da casa familiar ribadense, de inescusable ambientación gótica (a luz proxectada pola linterna, as sombras retorcidas, o contacto envolvente e pegañoso das arañeiras e as mesmas arañas, negras e gordas, porque estaban ben nutridas polo misterio) onde atopou unha caixa que gardaba unha confusión de ósos. Entón, remexendo na oseira, “sentí una ciega atracción por un parietal derecho, grueso, fornido, brillante. Jamás he visto una pieza ósea de tan dogmática y luminosa apariencia. Pertenecía a un cráneo anormal, miguelangeleico, de espesor terrible. Apareció también un maxilar inferior autoritario y contundente, todo un símbolo de temperamento y de energía. Rimaba a las mil maravillas (a mí, al menos, se me antojaba así) con el parietal”. O sono da razón permite ao sentimento alcanzar magníficas revelacións: aqueles eran os restos da caveira de Goya salvados da desfeita e posterior diáspora perpetrada polos estudantes salmantinos.

Deste xeito, Gamallo explicaba como o parietal dereito do cranio de Goya chegou ás súas mans fumadoras e como o converteu en cinceiro. A historia era digna, como el mesmo advertiu, de Poe, Quevedo, d’Aurevilly, Dostoievski, Valle-Inclán ou Lautréamont. Pero non, Gamallo non recollía ningunha tradición literaria. O que fixo foi, nin máis nin menos que fundar o novo xornalismo, décadas antes do sangue frío que regou o relato de Truman Capote e da gasosa de ácido eléctrico empipada na crónica de Tom Wolfe, demostrando, de paso, que non había necesidade de LSD para a psicodelia. A prensa e algúns historiadores acertaron ao non tomar aquel artigo por un capricho ou un disparate en homenaxe sarcástico a Goya: non era literatura, non; a calaverada era xornalismo, novísimo xornalismo. A mágoa é que non aplicara o invento para explicar como se fixo coa propiedade da caveira de Bécquer que, digno neto do seu avó, dicía tamén posuír no mesmo texto.

O xornalismo lucense ten pendente emprender a investigación sobre o destino actual dos restos craniais de Goya e Bécquer. Teño o firme propósito –tan firme como os proxectos de escritura que concibía Dionisio Gamallo Fierros– de cumprir tal deber. Mentres e para ir ensaiando, debería deixar rexistrada certa historia de meu tataravó Pedro. Será o conto daquel día en que volvía a súa casa e, tendo que cruzar a pontella sobre a poza da agra de Bandelo, encomendouse ás forzas do ben e do mal: “Deus é bo e o demo non é malo”. En canto acadou a outra beira, din que berrou: “Que o demo os coma aos dous”. A ignorancia dos maliciosos asegurou que temía perder o equilibrio e acabar na auga porque ía bébedo. Si, ía bébedo, pero non de viño, senón de emoción. Viña de roubar a caveira de Larra, que levaba ben presa debaixo do brazo e que agora mesmo teño enriba do meu escritorio. Faime un gran servizo: polas concas dos ollos non rebordan cabichas, pero si asoman os meus lapis e bolígrafos; e polo burato da bala suicida apunta unha estilográfica. Indubidablemente, os devanceiros, sexan pintores románticos ou paisanos escépticos, teñen a sabedoría de profanar as tumbas debidas para satisfacer as preferencias dos seus futuros netos. Pola nosa parte, os netos non temos a certeza de que deus diga a verdade, pero non nos cabe dúbida ningunha de que o demo non minte.

[Publicado en Trasluz Lukus, núm. 8, outono-inverno 2010-2011].

Dionisio Gamallo Fierros


Dionisio Gamallo Fierros consultando El Faro de Vigo.


Dionisio Gamallo Fierros e Dámaso Alonso.


0 comentarios: