O exiliado da rúa Vaugirard (IV)


4. A FE NA POLÍTICA DA FRONTE POPULAR.
Santiago Casares Quiroga foi un daqueles republicanos que, disidentes dos seus propios partidos, prestaron o seu respaldo a Negrín no exilio. Pero non cómpre ver aí un punto de inflexión tallante na traxectoria política do coruñés. As súas relacións con Izquierda Republicana estaban lonxe de ser as mellores posibles xa antes do inicio da guerra civil. Certas decisións viñan incomodando a algúns membros do partido. As memorias dun dos discrepantes, Emilio González López, inclúen o relato dalgúns dos episodios nos que se puxeron de manifesto tales tensións. Por exemplo, a decisión de que os deputados da minoría se retiraran das Cortes en outubro de 1934, contra os que crían que “era en el parlamento donde debíamos atacar la política del nuevo gobierno radical cedista, y no en la calle, en la que hablan las armas y no las palabras”, foi atribuída a Casares. Aquela medida e maila nota feita pública por Izquierda Republicana na que ameazaba con “acudir a todos los medios en defensa de la República”, en realidade aprobada por Manuel Azaña , foi vista coma un intolerable xesto de solidariedade co movemento revolucionario e obxecto dun agre debate nunha reunión do consello nacional de Izquierda Republicana. No mesmo sentido, resulta ben significativo que en 1936 os deputados desta minoría, ante a falta de iniciativa gobernamental para atallar as alteracións de orde público que advertían, estudaran presentar unha interpelación parlamentaria dirixida ao goberno presidido por Casares Quiroga, compañeiro de filas. Era insólito, segundo admitiu González Lopez, que o partido mesmo tivera fixada a data para unha iniciativa propia da oposición parlamentaria. De feito, se non fraguou tal proxecto foi porque se adiantou a CEDA, dando lugar á sesión das Cortes do 16 de xuño na que tivo lugar o durísimo enfrontamento entre o presidente e Calvo Sotelo Tralo asasinato deste e de facer caso ao testemuño de Martínez Barrio, Marcelino Domingo, un dos fundadores de Izquierda Republicana, tería solicitado a Azaña que substituíra a Casares Quiroga á fronte do goberno.

Estes son algúns dos episodios que ilustrarían a existencia no seo de Izquierda Republicana dunha sensibilidade política desconforme con certos discursos e xestos de Casares, que eran interpretados coma síntomas dunha radicalización das súas posturas. Segundo aquela corrente de opinión discrepante, tal deriva á esquerda permitía explicar as excelentes relacións que o coruñés mantiña, polas mesmas datas, con Francisco Largo Caballero. Así foi de certo e en contra do que poida inducir a crer a lectura das memorias do socialista, segundo advirte Juan Francisco Fuentes na súa biografía do socialista:

"Aunque Caballero lanzara años después duras críticas al gobierno de Casares Quiroga por su carácter presidencialista –todos los ministros ‘eran de la tertulia del Sr. Azaña’– y por su grave imprevisión ante el golpismo, la prensa afín al líder socialista no escatimó elogios al papel que Casares Quiroga iba a desempeñar como valladar infranqueable frente al fascismo".


En efecto, os dous voceiros xornalísticos de Largo Caballero, baixo a dirección de Luis Araquistáin, expresaron o seu apoio Casares Quiroga nas vésperas do golpe de estado. O diario Claridad non se amosou precisamente regateiro ao manifestar o día 13 de maio que a designación de Casares como xefe do goberno era unha das máis atinadas que cabían . O que dicía en xuño de 1936 a revista teórica Leviatán constitúe tamén un bo exemplo da valoración que lle merecía Casares á esquerda socialista naquelas datas e, por outra parte, amosa ata que punto certas versións amañaron co paso do tempo o xuízo sobre o político coruñés e acomodaron o sucedido en función dos seus novos intereses:

"Un retórico puede ser un hombre de acción; pero no lo es generalmente. El retórico da más importancia a la palabra que al acto. Para él, al principio fue el verbo. Hay retóricos, como Unamuno, para quienes la historia no tiene finalidad más alta que el que alguien la escriba. Para otros, al principio fue la acción. En un Gobierno preferimos a estos últimos. A ellos pertenece el señor Casares Quiroga, un retórico mediano, pero un buen hombre de acción. [...]
Las esperanzas que los no retóricos pusieron en el hombre de acción que es el señor Casares Quiroga están justificadas hasta la fecha. Durante meses se nos ha estado amenazando con el rayo de un pronunciamiento militar. Rara era la noche que no se esperaba su explosión en las calles de Madrid. Al fin estalló, pero fue en Alcalá de Henares, en la madrugada del 18 de mayo. [...] se bastó el Gobierno, que con rapidez y energía sofocó el conato insurreccional; pero es probable que el señor Casares Quiroga no hubiera encontrado en su propio ánimo tanta energía de no estar seguro que a sus espaldas, guardándoselas, estaba todo el proletariado español [...]".


O Casares Quiroga que motivaba o aplauso de Largo Caballero e os seus era o que, dende a mesma presentación do seu goberno ante as Cortes e segundo subliñou o historiador Carlos Seco Serrano, deu probas de avantar “por la senda jacobina”. Dende logo, esa foi a impresión que o seu discurso do 19 de maio ante a Cámara causou nos seus propios correlixionarios, espantados pola belixerancia dun discurso que consideraban desacostumado e impropio de quen se sentaba na bancada azul . En opinión de González López, a radicalización das posturas de Casares Quiroga foi determinante no seu achego a Largo Caballero: “Si Prieto no tenía grandes simpatías por Casares, Largo Caballero, en cambio, tenía un especial afecto por Casares; y los dos estaban unidos, en aquel momento, por su radicalismo: burgués, el de Casares, y revolucionario semicomunista, el de Largo Caballero”. Abondando nesa idea, engadiu:

"Sin duda, uno de los factores que debieron influir en el ánimo de Azaña para nombrar jefe del gobierno a Casares Quiroga, al ser él elevado a la Presidencia de la República, era esa amistad entre Largo Caballero, el más perturbador, en ese momento, de los socialistas con Casares Quiroga, que era el único dirigente republicano que gozaba de ella; y con Largo Caballero tenían una estrecha relación los comunistas".


A hipótese que parece suxerir González López é que a intención de Azaña, ao confiar a Casares a xefatura do goberno, era controlar a ameaza revolucionaria pola esquerda, é dicir, aos comunistas e ao sector do PSOE máis próximo a eles. Fora ou non así, o caso é que Casares chegou á presidencia do goberno en 1936 grazas aos apoios imprescindibles do Partido Socialista, que non acadaran nin Indalecio Prieto nin outros republicanos.


Por outra parte, o apoio da representación parlamentaria de Izquierda Republicana ao goberno formado por Largo Caballero en setembro de 1936 adquiriu en boca de Casares Quiroga una expresión entusiasta que rebordaba o que podería ter sido o cumprimento dunha formalidade:

"Como recordaba el compañero Díaz, desde el principio, desde el momento en que se forjó el Frente Popular para luchar primero en las elecciones y ahora en las trincheras contra el fascismo, los republicanos han tenido absoluta lealtad con sus pactos. Pero ahora hay una cosa de emoción que nos lleva más allá de la lealtad y de la correspondencia que se debe al pacto; hay una cosa de emoción, de sentimiento, de sublevación, de indignación, que nos lleva a nosotros a decir al Gobierno: Señores del Gobierno, donde estén los republicanos, están los servidores del Gobierno; donde estén los republicanos, están aquellos que seguirán las huellas de aquellos Diputados republicanos, socialistas y obreros de todas clases que han muerto frente al enemigo en la defensa de un ideal; están aquellos que saben en cada momento acomodar sus actos a esta consigna; sumisión consciente, es decir, disciplina absoluta donde el Gobierno nos mande ir, donde el Gobierno nos mande quedar, allí estaremos. Esta es nuestra confianza".


As Cortes aprobaron unha proposición na que manifestaban a súa adhesión a aquel goberno que era a “genuina representación del Frente Popular”. En efecto, a coalición de republicanos, socialistas e comunistas presididos por Largo Caballero significaba, tralo gabinete de Giral, retomar a política de unidade fraguada para as eleccións de 1936. Esa estratexia era a que Casares apoiaba cun entusiasmo emocionado que, por outra parte, estaba ben lonxe de sentir Azaña.

Pois ben, quen representaba no exilio unha política de colaboración cos comunistas, idéntica estratexia á defendida por Largo Caballero nos días da II República, era Juan Negrín. Dende esta perspectiva, a adhesión de Casares Quiroga ás teses negrinistas no exilio manifestaba a continuidade lóxica de posturas que viñan de atrás e que tería, de novo segundo González López, unha primeira manifestación durante a guerra civil. Daquela Casares teríase significado por apoiar ao goberno Negrín, mesmo na crise ministerial de marzo de 1938 e en contra do criterio do seu partido e do presidente da República.

Casares demostrou a sinceridade coa que se dirixira ás Cortes en maio de 1936 ao afirmar: “Para mí el Frente Popular es algo más que una alianza electoral; para mí es un inmenso oleaje de renovación”. Naquela ocasión engadira que o seu goberno, e el mesmo, representaba “no sólo el programa y la política del Frente Popular, sino también su espíritu y su ímpetu, o no hago nada aquí”. Entendendo que a Fronte Popular era unha estratexia que non caducara nin quedara amortizada tralas eleccións de febreiro de 1936, seguiu a defendela durante a guerra e no desterro . Esa actitude resultou decisiva no seu afastamento de Izquierda Republicana no exilio e tamén á perda de contactos persoais cos vellos colegas. Isto non significa que abxurara da súa filiación política; como el mesmo lembrou, seguía a considerarse membro dun partido netamente republicano.

Agora ben, Casares Quiroga non participou na reorganización de Izquierda Republicana no exilio, tampouco respectou a disciplina de partido ao expresar a súa opinión nas sucesivas crises ministeriais e negou o seu concurso, sequera nominal, ao goberno presidido polo compañeiro José Giral. Nas ocasións nas que Casares deixou escoitar a súa voz, resultaba evidente que esta non representaba máis que a si mesmo. El sabía que o seu criterio era solicitado en calidade de ex presidente do goberno republicano, cumprindo un formalismo; inda máis, era plenamente consciente de que a súa autoridade e ascendencia era ben cativa ou ningunha, porque era a do vilipendiado presidente do goberno do 17 e o 18 de xullo. Polas mesmas razóns, quizais se sentiu máis libre que nunca para expresar as súas opinións políticas.

Fotografías:
1.-Santiago Casares Quiroga.
2.-Francisco Largo Caballero.

0 comentarios: