Algún día


Regreso a Lugo por uns días e asisto atónita á virulenta belixerancia que gastan aqueles que se opoñen, con cativos argumentos, ó proxecto do monumento ás vítimas do franquismo.

Din que os promotores desta iniciativa empregan un símbolo coa intención de cambiar a historia. Esquecen que ningún símbolo ten esa potencia, porque non pode devolver a vida ós asasinados nin reparar o dano causado ós que padeceron represión, cárcere ou exilio. Un monumento non é máis que un recoñecemento á dignidade que, ademais da vida e da liberdade, se lles quixo furtar ás vítimas. Non atopo razón democrática que poida servir para negar ou escatimar ese recoñecemento.

Din que os defensores deste monumento procuran reescribir a historia. Non entendo que razón democrática pode negarse a reescribir o relato propagandístico que a ditadura franquista fixo da historia, baseado na falsificación e no ocultamento. Por non colaborar a manter certas falsificacións, cómpre engadir que nunca o franquismo dedicou un monumento á memoria das súas vítimas. Nunca e en ningures, tampouco en Lugo. Non podía facelo sen negarse a si mesma. A ditadura foi un proxecto totalitario que esixiu o aniquilamento físico de toda oposición e o aniquilamento da súa memoria. A morte e o esquecemento foi unha política deliberada contra a que a razón democrática só pode loitar afirmando a vida e a memoria.

Din que o odio e o rancor moven ós promotores do monumento. Abonda con ler os termos nos que se expresan os que fan esta acusación para descubrir que é precisamente a súa a prosa que destila odio, rancor e violencia, a que recorre ó insulto como argumento. Abonda con coñecer a traxectoria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo para advertir o seu radical pacifismo, de palabra e obra.

Non podemos borrar a barbarie pretérita, pero si liberar Lugo da actual indignidade. Algún día regresarei á cidade na que se erguerá o monumento ás vítimas do franquismo. Daquela, a marea soñada por un mestre sen ira e que converterá “a memoria das cunetas en pacíficas praias libertarias” estará máis preto.

[Artigo publicado na edición lucense de La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2009]

[Imaxe: Deseño realizado por Isaac Díaz Pardo para o monumento en memoria das vítimas do franquismo en Lugo]

0 comentarios: