A muller da fotografía chamábase Estrella Rivas Corredoira, pero é máis seguro que se alguén aínda se lembra dela sexa polo nome de Estrella de Bandelo, porque nese lugar de Ombreiro naceu e viviu. Estrella vendía roscas polas festas. Foi nas do San Lázaro, no barrio lucense de A Ponte e nos anos 60, onde J. Federico García lle fixo este fermoso retrato. O fotógrafo lembra que chamou a súa atención aquela muller apoiada no muro da praia, coa cara engurrada e vestida de negro. Estimou que a luz era perfecta e premeu o disparador da súa cámara. No revelado só escureceu o fondo, para resaltar o seu perfil e mailo branco luminoso da mesa coas roscas.
A imaxe foi incluída nun cartafol de fotos do barrio de A Ponte que publicou a Deputación de Lugo en colaboración co Grupo Fonmiñá en 1983 e tamén ilustrou o cartel dunha das edicións das festas do lugar. O contraluz, o encadre e a composición, pero seguramente tamén o valor documental da estampa dun tempo xa ido, contribuíron á súa repetida reproducción. Por ser a única fotografía de Estrella que se conserva, para os seus descendentes é, antes que nada, unha peza importante da memoria familiar. Ofrézoa como tirador do caixón das lembranzas a unha das súas netas e tamén afillada, Carmiña, que o agarra con decisión e turra del.
Estrella era unha dos catro fillos de Pedro e Manuela. Nacera en 1893 na casa de Ombreiro que ela herdou e que inda hoxe é coñecida como a casa de Estrella de Bandelo. Sendo nena, caeu dunha cancela de madeira e, probablemente de resultas dunha fractura non tratada e mal curada, quedou coxa. Co tempo algúns ían chamala “a coxa de Bandelo”, o xeito despectivo e insultante co que dicían sen dicir que era nai solteira de dous fillos, Pepe e Dorinda, nados na década dos vinte do século pasado. Non deu mostras de que lle importara moito o que chegaba ós seus oídos ou o que non chegaba pero sabía que murmuraban dela. Dende logo, non a converteu nunha muller apoucada ou avergoñada que se agochara. Segundo o testemuño familiar, gustaba do trato coa xente, non tivo ningún complexo, era animosa e botada para diante, e viviu alegre, libre e independente, sempre do seu traballo. Coa vaca Cuca, xunguida á Cachorra que tiña a súa irmá, araba a terra na que sementaba patacas, pan ou repolos. Era a mesma vaca que muxía na entrada da corte para darlle o leite nunha canada á súa afillada, un leite morno pertencente a unha memoria infantil de moitas xeadas. Cando chegaba o verán, Estrella ía polas festas de Lugo –non polas feiras, que nunca lle gustaron– vendendo roscas. Mercábaas nun forno que había en O Cantiño, moi preto da porta de San Pedro da muralla. Ela mesma preparaba as varas nas que ían ensartadas, esas que se ven debaixo da mesa na fotografía. Malia os seus modestos recursos, regalábase algúns pequenos luxos de cando en vez, como entrar a comer nun restaurante ou ir tomar os baños quentes a Riazor. Estrella conservouse alegre, valente, libre, independente e activa ata moi pouco tempo antes de morrer, en agosto de 1975, con 82 anos.
Eu son filla de Carmiña, neta de Pepe da Estrella e bisneta de Estrella de Bandelo. Os escasos datos da biografía da muller que vendía roscas polas festas, da nai solteira de dous fillos, da velliña que cando vestía de negro e levaba o pano na cabeza, segundo adoitaban daquela as mulleres ó chegar a certa idade, inda presumía da longa trenza coa que recollera os seus cabelos sendo moza, funos descubrindo pouco e pouco, case sempre en cada unha das ocasións en que atopei a fotografía que lle fixo J. Federico García, moito tempo despois das súas sucesivas publicacións, aquí ou acolá, casualmente, sen buscala.
Fun ordenando e cosendo os retallos desenfiados dunha historia miúda. Así, a imaxe foi condensando tempos, anteriores e posteriores ó instante que capturou. Foise cargando de significados e tamén de novas preguntas, contando e vertebrando un relato incompleto. Porque, ó cabo, non sei quen era Estrella. Míroa na fotografía, pero ela non mira á cámara do fotógrafo e tampouco a min, reservando os seus segredos despois de tanto buscarme.
En calquera caso, a fotografía sempre representará para min o noso encontro, o construído e tamén o real. Porque o seu retrato foi feito no mesmo lugar no que se sitúa unha das máis temperás lembranzas que teño e que é tamén a única persoal, non herdada, que gardo de Estrella: regalándome unha vara de roscas nunhas festas de San Lázaro da primeira metade da década dos 70. Por un deses prodixiosos caprichos do azar a única foto da miña bisavoa coincide co meu único recordo dela. A fotografía dalle unha fermosa precisión á vaguidade da miña acordanza.
[Publicado na revista Trasluz Lukus, núm. 4, outono de 2009]
0 comentarios:
Publicar un comentario