Entrevista a Claudio Rodríguez Fer


Un aforismo de Claudio Rodríguez Fer di:

“'Que outros presuman das páxinas que escribiron;/ a min comprácenme as que lin', poetizou con intelixente humildade Jorge Luis Borges. Que outros presuman das páxinas que escribiron ou mesmo que leron, podería dicir tamén eu: a min só me compracen as persoas, os lugares e os momentos que mas inspiraron”.

Cando se cumpren trinta anos da publicación do seu primeiro libro, Poemas de amor sen morte, entrevistamos a Rodríguez Fer. A entrevistadora leva a escusa da efeméride para propoñer un repaso ós trinta e cinco libros publicados. O entrevistado aproveita a ocasión para falar da vida, completamente confundida coa obra.

-“Lugo pode ser un paraíso erótico, pero tamén un inferno social”, escribiu. Explica esa frase a súa relación coa cidade e a imaxe dela que reflicte a súa obra?

-Claro, por un lado “Lugo namora”, como digo no poema de "Ámote vermella", pero por outro ten aínda moito que modernizar e mellorar, comezando pola dignificación das vítimas do fascismo, que aparecen na miña triloxía da memoria, composta por Lugo blues, A loita continúa e Ámote vermella, que acaba de saír.

-Dende a sección “Lugo xalundes” de Lugo blues ata Viaxes a ti detéctase unha constante vocación nómade e viaxeira. Que significado ten a viaxe na súa poesía?

-Para min, a viaxe é a vida en toda a súa apertura e mesmo viaxo telecomunicativamente cando quedo en casa. Por iso moitos dos meus libros foron escritos fóra de Galicia, por exemplo en Nova York, cando din clase alí, ou nos países celtas, que tamén frecuentei sempre e onde tamén vivín e traballei como profesor.

-Tamén hai unha vontade transfronteiriza e universalista na súa obra narrativa e ensaística. Querería dicir isto que a súa poesía e a súa prosa son vasos comunicantes? Nun sentido máis amplo, poderíase afirmar que o seu é un proxecto literario integral que se expresa en distintos xéneros?

-Por suposto, pero tamén na propia vida, pois para min non debe haber escisións entre a paixón e a apertura intercultural dun escrito, dunha clase ou dunha conversa. Non ten sentido facer literatura polo Ben, polo Amor, pola Paz, pola Xustiza, pola Liberdade, pola Beleza e pola Apertura Universalista e logo non obrar en consecuencia.

-En que medida o poema de André Breton “L’Union libre”, título que tomou prestado en diversas ocasións, expresa a súa concepción amorosa e erótica?

-Nunha medida sen medida, como só pode ser tratándose do amor tolo postulado polo surrealismo.

-O seu interese pola imaxe, cinematográfica, fotográfica ou pictórica, queda reflectido de moi diversas formas na súa obra. Que lle deu a colaboración plástica de Carmen Blanco, Eduardo Ochoa, Sara Lamas ou Eugenio Granell á súa obra?

-Eu comecei escribindo sobre cine, campo no que tamén fixen guións, e tamén me dediquei á poesía visual, porque a miña concepción das artes é integral, así que esas colaboracións gráficas foron fundamentais no camiño da obra de arte total á que debe aspirarse sempre.

-Con Ámote vermella reafirma o seu perenne compromiso coa memoria antifascista e antitotalitaria. Cal é a conexión entre esa militancia e a súa defensa da utopía libertaria?

-Todos os meus poemas son de amor, mesmo os de clamor, palabra que tamén contén amor, porque para celebrar a vida cómpre combater a morte, que no caso de Ámote vermella concrétase nas máis esquecidas e sufrintes entre os esquecidos, que foron as mulleres. Como digo nun verso “Quen non está coa vida está coa morte”. A dignificación das vítimas do fascismo forma parte, pois, da necesaria utopía libertaria que debe guiarnos cara un mundo cada vez máis liberado da violencia, da inxustiza, da opresión e de toda clase de poder político, social, económico, racial ou sexual.

-Cando afirma que a utopía é unha realidade prematura, está dicindo que se cumprirá ou que só cabe actuar coma se o fora facer?

-Ambas cousas, porque non houbo utopía anterior, como a da abolición da escravitude antiga ou da servidume medieval, que non se conseguise co tempo, e porque, por definición, a utopía, como a poesía ou como o amor, é sempre un camiño aberto que nunca chega a súa fin.

-A súa obra, polo seu contido e pola súa extensión, revela unha colosal enerxía vital. En trinta anos nunca o abandonou ese ímpeto?

-A verdade é que nunca tiven tempo para o desánimo e o único que botei en falta foi máis tempo para facer máis cousas por min e, sobre todo, polos demais.

[Entrevista publicada na revista Trasluz Lukus, núm. 3, verán de 2009]

0 comentarios: