Vermello e negro



Indo tras da poesía que segue sendo a saída prohibida
Carmen Blanco

Dende a libre unión en unión libre
Claudio Rodríguez Fer



Un dos propósitos fundacionais de Unión Libre era, segundo declaraba na súa presentación en 1996, cultivar a “memoria de persoas e pasaxes dignos de rescate, recuperación, honra, homenaxe ou agradecemento por ter sido obxecto de esquecemento, ocultación, represión, persecución ou exilio”. En efecto, o compromiso na memoria anima a revista con constancia indeclinable dende o seu mesmo nacemento. Sen circunscribirse en exclusiva á memoria da desfeita que seguiu ao 18 de xullo de 1936, a ela estivo dedicado un espazo senlleiro. Así o evidencian algúns monográficos, como os titulados “Memoria antifascista de Galicia”, “Vermellas” ou “A voz das vítimas do 36” que, en realidade, reafirman unha preocupación transversal e absolutamente imbricada nun proxecto integral que persigue “o rigor no estudio, a liberdade na creación” dende unha perspectiva de “avanzada radicalmente aberta, crítica, independente e libertaria”.

Do mesmo xeito que Unión Libre pódese considerar un proxecto inaugurado por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco antes da fundación da revista, durante os últimos catorce anos foron moitas as ocasións nas que se puxo de manifesto que estes Cadernos de vida e culturas constitúen unha empresa para o estudo, a investigación, a creación e a memoria que reborda o marco da publicación. Porque Unión Libre –título prestado dun poema de André Breton– é un proxecto poético, entendendo que a poesía, tal e como escribiu Rodríguez Fer, “non debe limitarse a reflectir a vida, senón ser a vida mesma”; Unión Libre é un proxecto de vida e poesía que asume plenamente o que significa, en palabras de Carmen Blanco, igualar “a vida, a verdade, a liberdade, o amor, a poesía, a arte e a beleza”.

Xermolo de Unión Libre, acaba de agromar Poemas polas vítimas do 36 en Galicia. Así o proclama explicitamente este libriño e así o quere corroborar o seu deseño e formato e “todo o vermello e o negro da profunda e auténtica paixón vital” que loce a súa cuberta. Foi repartido como agasallo entre os asistentes ao acto que honrou ás vítimas do franquismo o pasado 18 de xullo na Illa de San Simón. Reúne fragmentos de Ámote vermella e A loita continúa de Claudio Rodríguez Fer, de Atracción total de Carmen Blanco, de O antigo corazón do cíclope de Olga Novo e de O meu nome é María Casares de María Lopo.

Nunha nota limiar asinada por Unión Libre, preséntase a edición como o primeiro número dunha colección que nace dun fondo espírito libertario:

“Partindo de que a poesía segue a ser un xénero literario ao que aínda non accede a maioría das persoas, a colección POESÍA PARA TOD@S, de distribución gratuíta, pretende achegala a toda a xente a través dun proxecto que entenda a súa difusión en función da sociedade e non, como xeralmente ocorre, a sociedade en función da literatura (certames, premios, subvencións, institucionalizacións, etc.). Porque a poesía é como o verdadeiro amor: non se compra nin se vende. Libremente, dáse”.


O pasado 18 de xullo na Illa de San Simón, símbolo de cárcere e de morte polo designio franquista, retumbaron as voces poéticas de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer coa forza conmovedora da liberdade e a vida. San Simón converteuse en illa da memoria e da poesía. No barco de volta a Cesantes os pasaxeiros levaban consigo os versos escoitados e os versos impresos. Poemas polas vítimas do 36 en Galicia é a ponte vermella e negra que une a illa da liberdade, a vida, a memoria e a poesía co mundo.



Poemas polas vítimas do 36 Galicia, núm. 1 da colección POESÍA PARA TOD@S, foi editado pola Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
Exemplar gratuíto repartido entre os asistentes ao acto convocado por Iniciativa Galega pola Memoria o pasado día 18 de xullo.

2 comentarios:

Gil Toll dijo...

Felicidades, lo he pasado muy bien curioseando en tu blog. Se agradece la información precisa y el tono en que se vierte en una profesión tan acostumbrada a los frutos agrios.
Lo del periodismo debe ser una enfermedad, pero se pasa tan bien...ahora mismo con el libro de Tom Rachman, "los imperfeccionistas".
Estás invitada a pasar por mi www.germansbusquets.blogspot.com

Lieschen dijo...

Yo también estoy leyendo LOS IMPERFECCIONISTAS!!! Estupenda... pero todavía estoy un poco desconcertada, porque creí que iba a encontrarme con otra novela completamente distinta. Había leído en EL PAÍS que la novela recordaba mucho a NOTICIA BOMBA de Evelyn Waugh. Por muchos motivos, no me lo parece...

Muchas gracias por tus palabras!!! Y ahora mismo corro a aceptar tu invitación!!!