A memoria lucense de Almoina


O lucense José Almoina foi funcionario de Correos, militante socialista, traballador nos consulados republicanos de distintas cidades francesas durante a guerra civil, exiliado en 1939, tradutor, profesor universitario, e autor de varios libros, algún deles dedicado ó humanista Erasmo de Rotterdam, figura pola que se sentía absolutamente fascinado. Este apresurado retrato non permite adiviñar que Almoina ben podería ser a personaxe dunha novela, quizais dunha novela de John Le Carré. Así o revelou o seu tráxico fin: en 1960, foi asasinado a tiros en México. O sensacionalismo das fotografías que amosaban a súa agonía ilustrou na prensa a noticia do suceso, que era o desenlace dunha trama na que estaba encerellada a política, posto que dende o primeiro momento deuse por seguro que o seu asasinato fora executado por sicarios mandados polo ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo.

En efecto, a arañeira na que ía quedar enredado José Almoina comezou a tecerse durante a súa estadía na República Dominicana, a onde chegou en 1939 formando parte da pasaxe de exiliados republicanos españois do Flandre. Alí exerceu como profesor de historia e de lingua e literatura portuguesas. En 1942 converteuse no preceptor do fillo de Trujillo; dous anos máis tarde, entrou a traballar tamén na Chancelería de Relacións Exteriores. Ó cabo, en xaneiro de 1945, foi nomeado secretario particular do ditador. Velaí está o episodio máis escuro da biografía de Almoina, desempeñando un cargo que a un home da súa biografía, exiliado socialista, debería anoxar.

As versións que o presentan como un renegado dos ideais que profesara, como un colaborador leal de Trujillo, por convencemento ou por cartos, non dan unha explicación satisfactoria ós motivos polos que Almoina marchou do país para instalarse en México, pretextando motivos de saúde, en novembro do ano seguinte ó seu nomeamento e tamén restan calquera importancia ó feito de que, a partir de aquel momento, Almoina dera publicidade a documentadas denuncias contra a ditadura dominicana. Así o fixo a través dun informe confidencial que remtiu en 1947 a distintos gobernos e, dous anos máis tarde, publicando baixo pseudónimo o libro Una satrapía en el Caribe. Historia puntual de la mala vida del déspota Rafael Leónidas Trujillo. Tratábase da máis detallada acusación contra o réxime que vira a luz ata aquel momento, pois faltaban varios anos para que o vasco Jesús de Galíndez publicara un avance de La era de Trujillo, a súa tese de doutoramento.

Nun intento de desmentir as sospeitas de que era o autor de Una satrapía en el Caribe, de burlar as ameazas que o libro lle valeron, Almoina escribiu en 1950 Yo fui secretario de Trujillo. Porque a biografía de Almoina pode ser novelesca, pero non foi unha novela; porque Almoina non podía permitirse xogar a ser o secretario Zagallo, autor dun panexírico do Conde de Abraños que resulta, por obra e ironías de Eça de Queiroz, un retrato absolutamente desprestixiador; Yo fui secretario de Trujillo só podía ser unha haxiografía desmesurada ó gusto do megalómano ditador e esa é a única lectura que admite.

Se gardaba algunha esperanza de que aquel libro lle salvara a vida, se lle cabía algunha dúbida sobre os métodos de Trujillo, a desaparición de Galíndez en 1956 despexounas. Daquela, Almoina remitiu dúas cartas á prensa e ás autoridades mexicanas nas que denunciaba a responsabilidade do réxime dominicano no asasinato de Galíndez e desmentía terse prestado de intermediario da ditadura para subornar ó vasco co fin de que interrompera a súa campaña antitrujillista. Almoina sábese condenado a morte. A sentenza foi executada en 1960.

O nome de José Almoina, que ocupou os rechamantes titulares da prensa mexicana en 1960, era o mesmo que a finais da década dos vinte e con modesta tipografía aparecera nas páxinas do diario El Progreso asinando ocasionalmente algúns artigos. Porque a biografía de Almoina comezou en Lugo, onde nacera en 1903, no número 5 da rúa Emilio Castelar, hoxe chamada do Teatro. Era fillo do doutor Almoina Vigil, o primeiro en dispor de aparato de raios X na cidade, colaborador habitual do xornal La Idea Moderna, e presidente do Círculo de las Artes entre 1909 e 1911. Eugenio Granell contou que unha tía de Castelao foi a madriña de José Almoina. E pouco máis que estes datos anecdóticos, xunto co seu ingreso na masonería en 1928, na loxa Lucus núm. 5, é o que se coñece dos seus anos lucenses. Sen embargo, a memoria de Almoina nunca desapareceu da cidade.

En 1977, Ánxel Fole dedicoulle un artigo no suplemento “Táboa Redonda” de El Progreso, logo incluído en Cartafolio de Lugo. Nel evocaba o seu último encontro co amigo, en Benavente en 1931, e a súa filiación socialista. En efecto, aquela vila zamorana foi un dos seus destinos profesionais como funcionario de Correos, onde casou con Pilar Fidalgo e comezou a súa militancia política. Chegou a ocupar o segundo lugar da lista do PSOE en Zamora nas eleccións de 1933, aínda que non obtivo acta de deputado, pero si foi, con 37.499 votos, un dos compromisarios electos pola provincia de Zamora en abril de 1936 para designar ó Presidente da República. De Benavente fuxiu no inicio da guerra civil, frustrando a súa detención, pero non a da súa muller, encarcerada polos sublevados ata ser canxeada por presos en poder dos republicanos.

De Benavente a Lugo tamén viaxou a memoria de Almoina, portada por Claudio Rodríguez Rubio, quen ía deixala en herdanza ó seu fillo, o escritor Claudio Rodríguez Fer, segundo relata este en O muiñeiro misterioso. Rodríguez Fer reservou un dos capítulos do seu libro O mundo lucense de Ánxel Fole a José Almoina e a el, como a outros lucenses ou cidadáns de Lugo vítimas das tiranías, está dedicada a obra editada pola Galería Sargadelos de Lugo. Precisamente neste lugar Rodríguez Fer presentou o pasado mes de outubro o libro de Xurxo Martínez Crespo, publicado por Edicións A Nosa Terra, que aporta nova documentación e reivindica a figura de Almoina. Para a historia queda a biografía daquel lucense que pagou coa vida a súa oposición a Trujillo; para a especulación novelesca, xa ensaiada por Manuel Vázquez Montalbán nalgunha pasaxe de Galíndez e por Mario Vargas Llosa en La fiesta del Chivo, o momento no que Almoina enxergou o seu destino e as conxecturas sobre se aínda tiña algunha posibilidade de zafarse del.


Unha nai nos cárceres franquistas

O 20 de xullo de 1936, só media hora despois de que Almoina saíra de Benavente, un grupo de falanxistas asaltaron a súa casa, escacharon a súa biblioteca e requisaron o seu arquivo. A súa muller, embarazada de sete meses, quedou baixo arresto domiciliario ata que dera a luz. Nove días despois de facelo foi encarcerada xunto coa súa filla Helena. Da terrible experiencia que Pilar Fidalgo compartiu nunha prisión de Zamora con outras mulleres, entre elas, Amparo Barayón, a esposa de Ramón J. Sender finalmente fusilada, prestou declaración, logo de ser liberada, no Consulado de Baiona o 25 de abril de 1937. Aquel testemuño, integramente reproducido por El Socialista en tres entregas durante o mes de maio, foi a base do libro Une jeune mère dans les prisons de Franco, publicado aquel mesmo ano en París por Editions des Archives Espagnoles cun debuxo de Picasso na capa, e que a londiniense United Editorial traduciu ó inglés en 1939. No septuaxésimo aniversario do inicio do exilio que Pilar Fidalgo compartiu co seu marido e cos seus fillos, Xurxo Martínez Crespo rescatou aquel texto de denuncia.

[Publicado en Trasluz Lukus, núm. 7, verán de 2010, páxs. 79-81]

0 comentarios: