Sofía Casanova


“La mujer española está borrada de la cosmogonía intelectual de Europa,
cual Atlántida que devoró el mar”

Sofía Casanova
(La mujer española en el extranjero.
Conferencia dada en el Ateneo de Madrid el 9 de abril de 1910)



O nome da escritora Sofía Casanova (Almeiras, Culleredo, A Coruña, 1861) podía ser ben coñecido en círculos literarios galegos –era membro correspondente da Real Academia Galega dende 1906– e madrileños –vivira na capital dende 1875–, pero a popularidade chegoulle polo seu traballo coma correspondente do xornal ABC en Varsovia e Rusia durante a I Guerra Mundial, en San Petersburgo durante a Revolución de outubro de 1917 e de novo en Polonia no período de entreguerras e a II Guerra Mundial.

A afamada Sofía Casanova convertérase en 1953, segundo a xornalista María Luz Morales, “la Ausente, la desterrada” da que nada se sabía: “¿Vive? ¿Ha muerto Sofía Casanova? Hoy lo ignoramos todavía y un telón de lágrimas se opone en esa lejanía impenetrable a todos los otros terroríficos, ‘telones’”. A escritora e xornalista vivía na cidade polonesa de Poznan, onde faleceu en 1958. Pasaran vinte anos dende a súa última visita a España e moito antes da súa morte fora soterrada baixo unha lousa de esquecemento que tanto tempo ía tardar en ser levantada.

Os estudos publicados na pasada década dos noventa por Ofelia Alayeto (Sofía Casanova (1861-1958): Spanish Poet, Journalist and Author. Potomac: Scripta Humanistica, 1992), Olga Osorio (Sofía Casanova. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1997) e Rosario Martínez Martínez (Sofía Casanova. Mito y literatura. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1999) marcaron o inicio da recuperación dun nome que fora varrido por completo da historia da literatura e do xornalismo. A aquelas investigacións pioneiras sumouse no ano 2008 a da profesora Kirsty Hooper (A Stranger in My Own Land. Sofía Casanova, a Spanish Writer in the European Fin de siècle. Nashville: Wanderbilt University Press). Naquela mesma data, cando se cumprían cincuenta anos do falecemento de Casanova, foron reeditados algúns dos seus escritos. A astorgana Akrón publicou En la corte de los zares, La revolución bolchevista e El doctor Wolski, mentres que Sotelo Blanco traduciu ao galego o libro de relatos Exóticas nun volume que recollía asemade unha escolma de textos xornalísticos. A efeméride foi tamén a ocasión na que o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” organizou en Santiago de Compostela, amais dunha exposición bibliográfica, un ciclo de conferencias sobre a escritora agora reunidas en Vida e tempo de Sofía Casanova (1861-1958). Os textos de Antón M. Pazos, Grzegorz Bak, Kirsty Hooper, Olga Osorio, Carmen Blanco e Mª Rosario Martínez Martínez que inclúe o libro ofrecen novas achegas á obra da escritora galega, ao tempo que invitan a perseverar no estudo de aspectos aínda pouco tratados.

Os xuízos dos especialistas coinciden en sinalar que o xornalismo de Sofía Casanova é a parte da súa obra de maior orixinalidade. Olga Osorio suxire o interese que revestiría unha análise do traballo periodístico de Casanova en relación co doutras mulleres correspondentes de guerra nas mesmas datas e nos mesmos escenarios e apunta os nomes de Rheta Childe Dorr (1868-1948), do New York Mail, Bessie Beatty (1886-1947), do San Francisco Bulletin, e Louise Bryant (1885-1936), que escribía para o Bell Syndicate. Todas, como a galega, traballaron coma xornalistas na fronte oriental durante a I Guerra Mundial e todas cubriron a revolución de outubro de 1917. Pola súa parte, Carmen Blanco analiza a visión que da revolución rusa de 1917 ofreceu Sofía Casanova en 1920 no libro La revolución bolchevista, froito da súa experiencia como correspondente de ABC, e Emma Goldman en My Two Years in Russia, obra que recolle os dez artigos que publicou no xornal neoiorquino The World entre o 26 de marzo e o 4 de abril de 1922. Estudos comparativos como o que ensaia Carmen Blanco debuxan un horizonte de traballo que resulta prometedor.

En efecto, resulta imprescindible analizar e comparar o traballo de Casanova co de outras pioneiras nun oficio eminentemente masculino. Pero, ao mesmo tempo, cómpre reintegrala á xeración de homes que exerceron o periodismo nas mesmas datas que ela. O traballo non resultará doado porque a historia do xornalismo –que segue a ser antes unha historia de xornais que dos periodistas que os fixeron– non ten elaborado algo semellante a un canon. Pero talvez ese intricado camiño permita descubrir que as crónicas de Casanova participan das mellores calidades do xornalismo da súa época e de sempre: a independencia de criterio –Casanova non asume a posición xermanófila de ABC, como non o fixo Azorín nos textos de París bombardeado publicados no mesmo diario–, o antibelicismo, o cultivo dunha perspectiva que non teme ser subxectiva, así como o permanente exercicio de poñer en cuestión a información facilitada polas fontes oficiais –trazos todos que tamén se atopan nas crónicas de Gaziel, correspondente de La Vanguardia durante a I Guerra Mundial–. Só despois de descubrir os paralelismos que a súa obra poida gardar coa dos seus compañeiros, será posible comezar a desvelar a verdadeira orixinalidade da súa obra, os timbres persoais que realmente singularizan a súa voz. Quizais deste xeito a súa figura quede liberada da impostura do exotismo que lle foi atribuído e do vaporoso sentimentalismo de tules na que a envolveron os seus contemporáneos, sementando o menosprezo e mailo esquecemento da súa obra.

Sofía Casanova merece ser recuperada como lección de presente, non en virtude dun exercicio de arqueoloxía que se esgota en si mesmo. Ela, a primeira muller correspondente de guerra da nosa historia, quen tivo a sabedoría de comprender dende as súas primeiras crónicas que o relato da guerra só cabía escribilo a rentes do chan, que era imposible, inútil e inmoral adoptar unha perspectiva estelar, podería sentir descrito o seu traballo nestas frases que escribiu Mercedes Gallego, correspondente de El Correo na guerra de Irak no ano 2003, no libro Más allá de la batalla:

“Pero para que nosotros podamos entender qué es lo que pasa allí cada día hay que meterse en su piel, vivir sus rutinas y su mediocridad humana. No podemos mirarlo todo a vista de pájaro, juzgando como si fuéramos dioses. En lo que a mí respecta, me conformo con ofrecerles esa ventana hacia la vulgar realidad de la vida y la muerte”.


0 comentarios: