As vítimas do 36 en Galiza. Memoria e paz para sempre


Entre os días 9 e 13 do pasado mes de xullo, celebrouse na Facultade de Humanidades no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela o curso de verán “As vítimas do 36 en Galiza. Memoria e paz para sempre”, organizado polos profesores Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco. O programa permitía asomarse, a través das exposicións de investigadores e historiadores, ó coñecemento que hoxe temos da represión desatada pola guerra civil e a ditadura franquista nas catro provincias galegas e padecida por mulleres e homes, por galeguistas, socialistas, comunistas, anarquistas, sindicalistas, republicanos e masóns, por escritores e mestres, polos que se botaron ó monte para integrarse na guerrilla ou polos que emprenderon o camiño do exilio.

O programa académico completábase coa presenza de familiares daquela Galiza mártir que son as vítimas do 36. Isaac Díaz Pardo, encarnación da resistencia cultural galega no interior e no exilio e membro do Consello da Memoria, participou nunha táboa redonda sobre a desfeita e a recuperación da memoria galega. Sofía Andrade, Xesús Pérez Regueiro e a familia Vega prestaron o seu testemuño sobre o doutor Rafael de Vega Barrera e outros represaliados en Lugo. Sobre Díaz-Villaamil e o masacre de Montecubeiro falou Manuel Sarille Lenceiro, el mesmo membro dunha familia represaliada e presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo. Esther Varela Casares, neta de Santiago Casares Quiroga, compartiu as súas lembranzas da posguerra na Coruña franquista. O curso tamén permitiu o encontro cos familiares de Humberto Solleiro, asasinado en Vigo, e Urania Mella, filla do librepensador Ricardo Mella, que foi encarcerada en Saturrarán e que morreu en Lugo en 1945. Tamén interviñeron as familias do sindicalista Francisco Mazariegos e da mestra Mercedes Romero Abella; da intelectual republicana Juana Capdevielle e Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña cando comeza a guerra civil, e do galeguista Alexandre Bóveda; todos asasinados en 1936.

Rara vez antes fora reunido tal número de familiares de vítimas do 36. Que o encontro se producira no marco dun curso académico e no seo dunha universidade tamén conferiu singularidade á cita, concibida como un acto de homenaxe e recoñecemento ós que perderon a vida ou sufriron cárcere, persecución, represión ou exilio, e maila condena dun ignominioso silencio, dende a sublevación franquista.

Agora ben, as familias das vítimas do 36 –elas mesmas, tamén vítimas- tiveron unha activa participación no curso. Foron moito máis que os destinatarios dunha merecida e pendente homenaxe. A súa presenza era dunha coherencia absoluta cos propósitos académicos da cita. Ofreceron o seu emocionado e sereno testemuño, que constitúe en si mesmo unha fonte para a historia, máis aínda cando, lamentablemente, xa son irrecuperables tantas outras voces que poderían ter sido recollidas e escoitadas. Por outra parte, elas portaban a lembranza de que as vítimas do 36 foron homes e mulleres de carne e óso, que tiñan pais e fillos, que traballaron e soñaron e que polos seus traballos, soños e ideas pagaron o máis alto prezo. Esta verdade tan sinxela é esquecida, ás veces, incluso por aqueles que nalgún momento temos estudado ou investigado as súas biografías. Quizais estou recoñecendo unha incapacidade propia, pero non importa.

O home que chama a nosa atención, que seguimos e perseguimos obsesivamente nos rastros que a súa vida deixou, vaise convertendo nese proceso nunha personaxe. O propósito inicial é descubrir os perfís humanos e singulares que se agochan detrás dun nome. Pero o frecuente trato cos datos e detalles dunha vida, o exercicio de imaxinación comprensiva preciso para entender motivos, argumentos e circunstancias, remata –nunha estraña, involuntaria e inadvertida perversión- por crear unha certa sensación de irrealidade. Paradoxalmente, a familiaridade acadada vai consumindo e apagando a emoción e a intuición primeiras, e fosilizando aqueles episodios ós que queriamos insuflar vida. Ás veces, de súpeto, tomamos conciencia dese viciado procedemento que deshumaniza e falsea o noso obxecto de estudio. Algún detalle atopado no curso da investigación ou algún testemuño localizado danos unha labazada, que é o brusco recordatorio do impulso orixinal e do obxectivo final das horas de estudo, que descubrimos desfeitas e inútiles. As familias das vítimas que participaron no curso quizais non sospeitan que a serenidade da súa presenza e do seu discurso foi esa labazada.

A labazada non sería precisa de non ter esquecido a ensinanza do mestre sen ira: “Dende a poesía para a vida,/ dende o estudo polo coñecemento,/ dende a memoria contra a morte”. O curso “A vítimas do 36 en Galiza. Memoria e paz para sempre” foi o recordatorio de que a única homenaxe digna e dignificante, que desafía á morte, nace da memoria e que esta só é posible dende o rigor do estudo que procura o coñecemento da vida. Ese é o humanismo, de fondas raíces vitais e poéticas, do que aspiramos a ser chamados, con xustiza, algún día, discípulos.

[Publicado no diario lucense El Progreso, 17-IX-2007].

0 comentarios: